O pasado venres 13 (que data máis acaída para celebrarmos o Samaín!) todas as escolas do noso CRA xuntámonos para festexar o Samaín e máis o Magosto. A festa comezou enfeitando o local da escola de San Cristovo para a ocasión coas grilandas, as cabazas feitas polo alumnado e a exposición dos traballos manuais feitos a base de castañas e landras. Elaboramos un "castañón" que os rapaces pintaron e encheron con papeis de xornais. A idea era queimalo fóra, mais o tempo non o permitiu. Logo, houbo obradoiro de maquillaxe de Samaín e obra de teatro a cargo dos mestres/as para escorrentar os medos. Para recuperarnos das emocións da obra de teatro, a bruxa "Curuxa" fíxonos unha beberaxe reconstituínte que non todos foron quen de probar. Houbo degustación de manxares do Samaín e as castañas do Magosto. Logo, xa con máis folgos, rematamos a festa cantando e bailando a ritmo de acordeón, pandeireta e cunchas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário