06/11/2011

Samaín e Magosto 2011

O venres 4 de novembro xuntámonos todos na Escola do Busto para celebrarmos o Samaín e máis o Magosto. Nada máis chegar algúns de nós pasamos polo obradoiro de Maquillaxe terrorífico onde nos deixaron así:

Namentras outros elaboraban un terrible monstro de seis ollos (un por cada escola) que logo colamos na parede. Desde alí esculcounos toda a mañá.

Continuamos con diferentes obradoiros: de esqueletes (moi propio para a canción que iamos cantar despois coa profe Nuria),


de "cestos castañeiros" para o Magosto que viría despois,


de pantasmas...

E despois de tanto traballar, tiñamos unha fame "de medo", nunca mellor dito... así que demos boa conta da merenda terrorífica que nos tiñan preparado as mestras/es do CRA.

Ao acabarmos a merenda fixemos unha rolda de cancións do Samaín.

Finalmente, cando chegaron as familias atacamos as castañas e rematamos todos xuntos cantando unha cantiga do Magosto.

29/04/2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro

O 11 de maio as escolas do CRA de Santa Comba celebraremos conxuntamente o Día das Letras Galegas achegándonos á nosa lingua a través da poesía de Lois Pereiro: un autor de "culto", que ben seguro pasará a ser moi popular.
Elaboraremos entre todos un cartaz conmemorativo, contaremos coa presenza dun conta contos co que visitaremos outras literaturas do mundo. Converterémonos nós mesmos en conta contos das historias do mundo que traballamos na aula. Finalmente faremos unha xincana literaria arredor da obra e da figura de Lois Pereiro.
Ollade, escoitade e desfrutade desta pequena mostra da súa moi recomendábel poesía:







Mundo Lois from Mundo Lois on Vimeo.

18/03/2011

PEL 2º trimestre

PEL 2º trimestre_CRA Santa Comba

24/01/2011

O NADAL

Este ano celebramos o Nadal dun xeito moi especial: coñecemos ao Apalpador, un personaxe tradicional galego do Nadal.
O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes das montañas de Ourense, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas do Caurel e do oriente ourensán á noitiña do 31 de Decembro e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

O martes, 21 de decembro, xuntámonos no edificio multiusos de Santa Comba para asistirmos á representación dunha obra de monicreques a cargo da compañía Títeres Cachirulo, titulada A Lenda do Apalpador. Ao rematar, todos os nenos e nenas do CRA botáronlle as cartas, que xa traían escritas da casa.
Logo de afinar as nosas gorxas, saímos polas rúas de Santa Comba a cantar os reis. Entre o noso repertorio tiñamos unha fermosa panxoliña sobre o Apalpador, musicada por Nuria, a nosa mestra de música. Dicía así:

Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Ata cantamos algunha panxoliña en inglés que nos aprendera o profe Suso:

Hello reindeer,
Hello snowman,
Hello Santa,
Happy Holidays!

Para rematar a xornada degustamos produtos típicos do Nadal que os pais trouxeran das súas casas. Que bo estaba todo!!

10/01/2011

Linguas Cruzadas

Interesante documental sobre o estado da lingua galega entre a xente nova, emitido na TVG o 17 de maio do 2007. Duración: 49'46''