24/01/2011

O NADAL

Este ano celebramos o Nadal dun xeito moi especial: coñecemos ao Apalpador, un personaxe tradicional galego do Nadal.
O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes das montañas de Ourense, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas do Caurel e do oriente ourensán á noitiña do 31 de Decembro e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

O martes, 21 de decembro, xuntámonos no edificio multiusos de Santa Comba para asistirmos á representación dunha obra de monicreques a cargo da compañía Títeres Cachirulo, titulada A Lenda do Apalpador. Ao rematar, todos os nenos e nenas do CRA botáronlle as cartas, que xa traían escritas da casa.
Logo de afinar as nosas gorxas, saímos polas rúas de Santa Comba a cantar os reis. Entre o noso repertorio tiñamos unha fermosa panxoliña sobre o Apalpador, musicada por Nuria, a nosa mestra de música. Dicía así:

Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Ata cantamos algunha panxoliña en inglés que nos aprendera o profe Suso:

Hello reindeer,
Hello snowman,
Hello Santa,
Happy Holidays!

Para rematar a xornada degustamos produtos típicos do Nadal que os pais trouxeran das súas casas. Que bo estaba todo!!

10/01/2011

Linguas Cruzadas

Interesante documental sobre o estado da lingua galega entre a xente nova, emitido na TVG o 17 de maio do 2007. Duración: 49'46''