29/04/2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro

O 11 de maio as escolas do CRA de Santa Comba celebraremos conxuntamente o Día das Letras Galegas achegándonos á nosa lingua a través da poesía de Lois Pereiro: un autor de "culto", que ben seguro pasará a ser moi popular.
Elaboraremos entre todos un cartaz conmemorativo, contaremos coa presenza dun conta contos co que visitaremos outras literaturas do mundo. Converterémonos nós mesmos en conta contos das historias do mundo que traballamos na aula. Finalmente faremos unha xincana literaria arredor da obra e da figura de Lois Pereiro.
Ollade, escoitade e desfrutade desta pequena mostra da súa moi recomendábel poesía:







Mundo Lois from Mundo Lois on Vimeo.

18/03/2011

PEL 2º trimestre

PEL 2º trimestre_CRA Santa Comba

24/01/2011

O NADAL

Este ano celebramos o Nadal dun xeito moi especial: coñecemos ao Apalpador, un personaxe tradicional galego do Nadal.
O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes das montañas de Ourense, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas do Caurel e do oriente ourensán á noitiña do 31 de Decembro e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

O martes, 21 de decembro, xuntámonos no edificio multiusos de Santa Comba para asistirmos á representación dunha obra de monicreques a cargo da compañía Títeres Cachirulo, titulada A Lenda do Apalpador. Ao rematar, todos os nenos e nenas do CRA botáronlle as cartas, que xa traían escritas da casa.
Logo de afinar as nosas gorxas, saímos polas rúas de Santa Comba a cantar os reis. Entre o noso repertorio tiñamos unha fermosa panxoliña sobre o Apalpador, musicada por Nuria, a nosa mestra de música. Dicía así:

Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Ata cantamos algunha panxoliña en inglés que nos aprendera o profe Suso:

Hello reindeer,
Hello snowman,
Hello Santa,
Happy Holidays!

Para rematar a xornada degustamos produtos típicos do Nadal que os pais trouxeran das súas casas. Que bo estaba todo!!

10/01/2011

Linguas Cruzadas

Interesante documental sobre o estado da lingua galega entre a xente nova, emitido na TVG o 17 de maio do 2007. Duración: 49'46''

19/12/2010

Neofalantes. Belén Regueira

Belén Regueira, xornalista da CRTVG, estase a converter en "habitual" no noso blogue. Xa vos convidamos a visualizar a súa intervención na entrega dos Premios Mestre Mateo a prol da nosa língua noutra ocasión. Nesta oportunidade, no colectivo "A nave das ideas", fai unha intervención que é unha brillante ao tempo que divertida "pseudo-conferencia - confesión - parodia" sobre os neofalantes (persoas castelánfalantes que agora son galegofalantes). Botádelle unha ollada:

Neofalantes. Belén Regueira from Sr. Verme on Vimeo.


24/11/2010

Celebramos o Samaín e o Magosto no Busto

O pasado 12 de novembro xuntámonos todas as escolas no Busto para celebrarmos un terrorífico Samaín e un saboroso Magosto. A xornada comezou cun obradoiro de maquillaxe de Samaín e de elaboración de manualidades arrepiantes.


Seguiu cunha peza teatral que contou coa participación dos mestres/as e que deixou a máis dun coa pel de pita. Os alumnos fixeronlle a réplica aos mestres cantando unhas cantigas do Samaín.



Despois, e para repoñerse de tanto susto, degustamos uns exquisitos manxares. Claro que a algún non lle chistou moito ter que comer dedos de bruxa, cadaleitos de morto, ollos de lobo esfameado, pasteis de esqueletes,...

E agardando polas castañas que se estaban a facer, fixemos unha xinkana de xogos "magosteiros". Por fin, cara o final da xornada fóronse achegando as familias para degustar as castañas que asamos alí mesmo. Démoslle remate á xornada bailando todos xuntos (pais/nais, alumnos/as, mestres/as) o baile da castañiña.