13/04/2010

Cantares de reis

Na tradición oral galega atopamos os populares cantares de reis, que tiñan como un dos principais motivos recoller o aguinaldo dos veciños.

Tamén coñecidos como reises ou aguinaldos, os cantares de reis eran pequenas composicións que cantaban de porta en porta os habitantes dos lugares e parroquias, e que na súa meirande parte narraban a historia do nacemento do neno Xesús e a chegada dos reis Magos cos seus agasallos.

Estes cantares adoitaban ter tres partes: a petición de licenza para o canto, a cantiga propiamente dita e finalmente, a petición do aguinaldo, que normalmente consistía en doces ou diñeiro.

A Sra. Concepción de San Salvador, que se lembra moi ben deste costume, cántanos un deses cantares de reis:

12/04/2010

Os nosos videos...

Xa temos canle en YouTube! Proximamente iremos engadindo os videos que realizamos dende o noso centro.

TRABALLANDO COS XORNAIS



Durante a semana do xornal na aula os nenos/as de San Salvador estivemos traballando con xornais escritos en distintas linguas e ao rematar fixemos un pequeno mural cos nomes dos distintos xornais que folleamos.

24/03/2010

ANACOS DA NOSA MEMORIA: Sra. Concepción de San Salvador

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! realizará a través de Internet a XVI edición da xornada multimedia de comunicación interescolar, que terá lugar o 16 de abril. Esta xornada de comunicación xirará arredor do tema O TESOURO DOS AVÓS e nela poden participar todos os centros educativos que o desexen aportando material audiovisual ou radiofónico. Pareceunos moi interesante sumarnos a esta iniciativa que pretende valorar os coñecementos dos nosos maiores e fomentar as relacións entre diferentes xeracións.

Velaquí tedes a nosa aportación:

Este video realizouse dende o ENDL do noso centro, dentro do proxecto "Anacos da nosa memoria", co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio immaterial da zona. Esta primeira reportaxe está dedicada á Sra. Concepción de San Salvador, a quen queremos agradecerlle todos os bos momentos que nos fai pasar transmitíndonos os seus recordos e a súa alegría.

Queremos tamén enviarlle un agradecemento especial a Xabier Díaz, a quen tamén escoitamos neste video coa súa fantástica interpretación na "Muiñeira de San Salvador de Padreiro" (tema do seu disco "Coplas para Icía").


Congreso Internacional: 15 anos de "Ponte nas ondas"

O Verbum - Casa das Palabras, en Vigo e máis a Casa da Cultura de Melgaço acollerán entre o 23 e o 25 de abril o Congreso Internacional "Pontes de Cultura, Pontes de Futuro" que conmemora 15 anos da iniciativa "Ponte... nas ondas!". Unha importante representación de figuras destacadas da comunicación e do patrimono inmaterial galego-portugués reflexionarán sobre a traxectoria de "Ponte...nas ondas!" nestes 15 anos e sobre a importancia do patrimonio cultural común para o futuro da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Convócase ao profesorado galego e portugués a participar no Congreso de forma presencial ou mediante o envío de comunicacións sobre os ámbitos de actuación da experiencia de "Ponte...nas ondas!".



18/03/2010

Educación e Creatividade

O sistema educativo está a formar ás persoas afastándoas da súa creatividade.
Un par de vídeos dunha interesante charla de Sir Ken Robinson, un experto internacional no desenvolvemento da creatividade, innovación e recursos humanos.