06/11/2011

Samaín e Magosto 2011

O venres 4 de novembro xuntámonos todos na Escola do Busto para celebrarmos o Samaín e máis o Magosto. Nada máis chegar algúns de nós pasamos polo obradoiro de Maquillaxe terrorífico onde nos deixaron así:

Namentras outros elaboraban un terrible monstro de seis ollos (un por cada escola) que logo colamos na parede. Desde alí esculcounos toda a mañá.

Continuamos con diferentes obradoiros: de esqueletes (moi propio para a canción que iamos cantar despois coa profe Nuria),


de "cestos castañeiros" para o Magosto que viría despois,


de pantasmas...

E despois de tanto traballar, tiñamos unha fame "de medo", nunca mellor dito... así que demos boa conta da merenda terrorífica que nos tiñan preparado as mestras/es do CRA.

Ao acabarmos a merenda fixemos unha rolda de cancións do Samaín.

Finalmente, cando chegaron as familias atacamos as castañas e rematamos todos xuntos cantando unha cantiga do Magosto.

29/04/2011

Letras Galegas 2011: Lois Pereiro

O 11 de maio as escolas do CRA de Santa Comba celebraremos conxuntamente o Día das Letras Galegas achegándonos á nosa lingua a través da poesía de Lois Pereiro: un autor de "culto", que ben seguro pasará a ser moi popular.
Elaboraremos entre todos un cartaz conmemorativo, contaremos coa presenza dun conta contos co que visitaremos outras literaturas do mundo. Converterémonos nós mesmos en conta contos das historias do mundo que traballamos na aula. Finalmente faremos unha xincana literaria arredor da obra e da figura de Lois Pereiro.
Ollade, escoitade e desfrutade desta pequena mostra da súa moi recomendábel poesía:







Mundo Lois from Mundo Lois on Vimeo.

18/03/2011

PEL 2º trimestre

PEL 2º trimestre_CRA Santa Comba

24/01/2011

O NADAL

Este ano celebramos o Nadal dun xeito moi especial: coñecemos ao Apalpador, un personaxe tradicional galego do Nadal.
O vello Apalpador, ou Pandegueiro como se lle chama en partes das montañas de Ourense, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos aos nenos polas datas de Nadal. Este xigante, de oficio carboeiro, baixaba das devesas do Caurel e do oriente ourensán á noitiña do 31 de Decembro e apalpaba as barriguiñas dos cativos. Se estaban cheas dicía: «así, así esteas todo o ano» e deixáballes unha presa de castañas. Senón calaba, pero deixáballes tamén as castañas.

O martes, 21 de decembro, xuntámonos no edificio multiusos de Santa Comba para asistirmos á representación dunha obra de monicreques a cargo da compañía Títeres Cachirulo, titulada A Lenda do Apalpador. Ao rematar, todos os nenos e nenas do CRA botáronlle as cartas, que xa traían escritas da casa.
Logo de afinar as nosas gorxas, saímos polas rúas de Santa Comba a cantar os reis. Entre o noso repertorio tiñamos unha fermosa panxoliña sobre o Apalpador, musicada por Nuria, a nosa mestra de música. Dicía así:

Vaite logo, meu meniño
marcha agora para a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa vén relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

Ata cantamos algunha panxoliña en inglés que nos aprendera o profe Suso:

Hello reindeer,
Hello snowman,
Hello Santa,
Happy Holidays!

Para rematar a xornada degustamos produtos típicos do Nadal que os pais trouxeran das súas casas. Que bo estaba todo!!

10/01/2011

Linguas Cruzadas

Interesante documental sobre o estado da lingua galega entre a xente nova, emitido na TVG o 17 de maio do 2007. Duración: 49'46''

19/12/2010

Neofalantes. Belén Regueira

Belén Regueira, xornalista da CRTVG, estase a converter en "habitual" no noso blogue. Xa vos convidamos a visualizar a súa intervención na entrega dos Premios Mestre Mateo a prol da nosa língua noutra ocasión. Nesta oportunidade, no colectivo "A nave das ideas", fai unha intervención que é unha brillante ao tempo que divertida "pseudo-conferencia - confesión - parodia" sobre os neofalantes (persoas castelánfalantes que agora son galegofalantes). Botádelle unha ollada:

Neofalantes. Belén Regueira from Sr. Verme on Vimeo.


24/11/2010

Celebramos o Samaín e o Magosto no Busto

O pasado 12 de novembro xuntámonos todas as escolas no Busto para celebrarmos un terrorífico Samaín e un saboroso Magosto. A xornada comezou cun obradoiro de maquillaxe de Samaín e de elaboración de manualidades arrepiantes.


Seguiu cunha peza teatral que contou coa participación dos mestres/as e que deixou a máis dun coa pel de pita. Os alumnos fixeronlle a réplica aos mestres cantando unhas cantigas do Samaín.



Despois, e para repoñerse de tanto susto, degustamos uns exquisitos manxares. Claro que a algún non lle chistou moito ter que comer dedos de bruxa, cadaleitos de morto, ollos de lobo esfameado, pasteis de esqueletes,...

E agardando polas castañas que se estaban a facer, fixemos unha xinkana de xogos "magosteiros". Por fin, cara o final da xornada fóronse achegando as familias para degustar as castañas que asamos alí mesmo. Démoslle remate á xornada bailando todos xuntos (pais/nais, alumnos/as, mestres/as) o baile da castañiña.

16/11/2010

Novo curso, novo blogue

Comezamos a nosa andaina blogueira un pouco tarde este curso, pero é que, como ben sabedes, son demasiadas cousas a que atender no inicio de curso (horarios, programacións,...).


Para abrir este curso deixámosvos o enlace a un novo blogue do centro: EL BAÚL DE LOS DEPORTES, creado por Jose, o mestre de Educación Física e secretario do centro, que se suma tamén ao carro das novas tecnoloxías: benvido compañeiro!!

21/06/2010

O CRA Santa Comba organiza o foro AMCRAGA

Queridos compañeiros e compañeiras de escolas rurais, o próximo venres 25 de xuño agardámosvos en Santa Comba para compartir unha xornada con todos vós. As actividades serán maioritariamente lúdicas e o obxectivo principal será o de establecer relacións que nos axuden a mellorar a nosa práctica docente nun contexto que nos é común a todos.

15/06/2010

Andoriña!!

Xa esta na rúa a nova edición da nosa revista.
Agardamos que vos guste!

30/05/2010

DE VIAXE POLA INDIA...

A India é o segundo país máis poboado do mundo e nel podemos atopar gran cantidade de tesouros culturais. É un país apasionante e coñecelo supón toda unha aventura.
Na escola de San Cristovo estamos viaxando pola India e aprendendo cantidade de cousas: alí a xente ten un grande respeto polos animais (as vacas son animais sagrados!), a vestimenta das mulleres gustounos moito e tamén os adornos que levan os traxes, visitamos monumentos como o Taj Mahal (coa súa fermosa historia de amor), lemos contos tradicionais e tamén aprendimos moito sobre a súa música.

Preme na imaxe para acceder a actividades sobre instrumentos tradicionais da India:


19/05/2010

DECORAMOS A NOSA ESCOLA!

Xa que chegou o bo tempo, decidimos poñer a nosa escola ben bonitiña. Esperemos que non chova para que non marche a pintura. Mirade que linda quedou!




08/05/2010

GalegOlimpíadas

GALEGOLIMPÍADAS


Este ano en Educación Física fixemos unhas olimpíadas de xogos populares, que son os xogos que facían os nosos pais e avós cando tiñan a nosa idade. A verdade é que o pasaban moi ben...
E NÓS TAMÉN!!!


Aquí estamos os nenos de Montouto, Busto e Picotos preparados para a competición... Que ganas de comezar!

Nas escolas fixemos moreas de probas: Carreiras de Sacos, Buxainas, Chapas, Mariola, Salto da Comba, Zancos, O Pano, Petanca...
Nestas fotos, vedes algunhas das competicións que fixemos...
QUE GAÑE O MELLOR!

CHAVE, BOLOS E SOKA-TIRA

O ARO, A MARIOLA E POLIS E CACOS

Diario Acuático

...A HORA DOS GOLFIÑOS

Como cada ano nos meses de Abril e Maio dedicámonos a mellorar as nosas habilidades acuáticas, a ver se dentro de pouco temos sorte e imos aos xogos olímpicos!!!
Este é o noso Diario Acuático.
  • 09:45. Chegada á piscina... Queremos nadar!!!


  • 10:00. Transformación en Peixes, Quencemento e Exaltación da Amizade...
  • 10:30 Listos e dispostos para a inmersión
  • 10:35. Chega a hora de darlle ás aletas... Pero con moita ledicia.

  • 11:10. Despois do traballo, sempre hai un momento de diversión.

  • 11:15. Fotos dos golfiños máis rápidos de Santa Comba, xunto co socorrista en plena acción... QUE POSE!!!

  • 11:20. Hora de saír, pensando xa nas aventuras do seguinte día... Ata a próxima!!!